jueves, 15 de diciembre de 2016

SEGUIMOS DE VISITAS...

A semana pasada foi especial para nós, pois fixemos dúas saídas: unha á casa de vela para ver a obra de teatro "Simbad e a serea" e outra ao Dolmen de Dombate onde fixemos unha visita guiada e representamos pinturas similares ás do dolmen. Aquí vos deixamos unha mostra...

saídas obra teatro e dolmen - Kizoa Editar Videos - Movie Maker

lunes, 28 de noviembre de 2016

SAÍDA MELGA E FORNO DO FORTE

O mércores tivemos a sorte de comezar cas saídas... porque aínda que xa fomos ao polideportivo e o auditorio, aínda non montáramos nada en autobús. E esta vez subimos nel para ir á Ponteceso, ao MELGA, e a Buño, ao Museo Forno do Forte. A verdade é que non tivo desperdicio este día: coñecemos xogos moi antigos e puxémolos en práctica, e ata nos convertimos en alfareiros/as por un momento!

saída melga e forno do forte - Kizoa Editar Videos - Movie Maker

CUMPLE ALBA

O 21 de novembro Alba estivo de aniversario: 3 ANOS! Parabéns Alba. Esperamos que o pasaras tan ben coma nós. E... moitas grazas polo biscoito, que estaba riquísimo! Xa se aprecia nas fotos... Xa estamos esperando pola próxima festa!

viernes, 18 de noviembre de 2016

MAGOSTO NO VERÁN DE SAN MARTIÑO

O pasado venres 11 de novembro, celebramos o magosto, xunto con outros nenos/as de colexios da comarca. Como a ocasión o merecía, vestímonos de gala e... aló fomos. Ía ser en Dombate pero... tivémoslle medo á choiva e fomos todos para o polideportivo. 
Comezamos con unha viaxe no tren turístico para de seguido troulear toda a mañá: conta-contos, castañas asadas, xogos tradicionais e... ata saímos na TVG en directo! Rematamos a festa bailando ao son de Cé Orquestra Pantasma.
Aquí vos deixamos algunhas fotos pero... recoñecemos que non temos moitas porque non tivemos moito tempo de usar a cámara... e ademais, xa veredes que algunhas non se ven moi ben... porque non paramos! Pero sempre podedes aproveitar para xogar ás adiviñas, a ver quén sae en cada foto!


domingo, 6 de noviembre de 2016

PANTASMAS NO SAMAÍN

Con motivo da celebración do Samaín, elaboramos unhas pantasmas con materiais de refugallo. Logo levámolas ás nosas casas... Mirade canto traballamos!


viernes, 4 de noviembre de 2016

O OUTONO

Coa chegada do outono estamos facendo algúns traballiños que nos gustan moito... porque usamos moito a pintura de dedo e eso... ENCÁNTANOS! Fixemos un mural coas mans e os pés, unhas follas para poñerlle de marco, unha merenda con froitos de outono (secos e carnosos), probamos castañas asadas e cocidas (que nos trouxo a nosa compañeira Valeria)...

jueves, 13 de octubre de 2016

ARRANCAMOS O CURSO 2016/2017

POR FIN!
Despois das vacacións, do período de adaptación e de algún que outro virus... conseguimos ter unha fotografía todos/as xuntos! Aínda que quedamos algo serios... pois á volta do patio... non  che é tan divertida como xogar alí. 
Somos (de esquerda a dereita): Valeria, Noa, Nuria, José María, Yoel, Noemí, (e diante) Alba e Carla.
Aquí comezamos unha nova aventura na que esperamos pasalo moi ben e aprender moito!



miércoles, 15 de junio de 2016

VISITAMOS MARCELLE!

Para dar remate ao curso, visitamos o Parque Natural de Marcelle, que nos gustou moitíiiisimo! Non sabíamos que había tantas especies de animais! Aínda que poucos deles se deixan fotografiar... moitos escóndense, ante o que eles consideran un perigo. Un dos que máis nos gustou foi o lobo, sabedes por que? Pois... porque se nos lle falábamos... él contestaba! Tamén nos gustaron moito os osos, dromedarios...

FELICIDADES MÓNICA!

E... seguimos de festa! Esta vez tocoulle a Mónica que o 9 de xuño celebrou o seu 6º aniversario! Nada máis e nada menos... Qué maiores nos estamos facendo... E tamén o celebrou con nós convidándonos a un rico biscoito, zumes... e... como era o último cumpreanos que celebra na escola (pois é tan maior que xa está chegando o momento de ir á Primaria) tamén trouxo algunhas lambetadas que nos encantaron! Grazas Mónica! Moitísimas felicidades!







FELICIDADES NOEMÍ!

O pasado 4 de xuño estivo de aniversario, a nosa compañeira Noemí, que xa ten 4 anos! Para celebralo na escola, agasallounos con un rico biscoito e zumes, ummm... qué bo estaba! Parabéns Noemí! E moitas grazas por todo.







miércoles, 18 de mayo de 2016

SAÍDA Á BIBLIOTECA ÁGORA DA CORUÑA

Para rematar coa conmemoración do Día do Libro, visitamos a biblioteca Ágora, ubicada na cidade de A Coruña, biblioteca que nos fascinou, a nenas, nenos e non tan nenos... A verdade é que é espectacular, grande e fermosa, con unha zona pechada para os nenos/as, para que poidan mirar libros autónomamente.
Alí contáronnos un conto e logo deixáronnos mirar e ler libros, revistas, contos, tebeos...
Para rematar o día da mellor maneira... fomos comer ao Monte de San Pedro, onde gozamos xogando nos parques, arrolando pola herba e cantando e bailando ao son de frauta e gaita.

martes, 26 de abril de 2016

DÍA DO LIBRO

Como en cursos anteriores, celebramos o Día do Libro cos nosos compañeiros e compañeiras do CPI "As Revoltas". Alí tíñannos preparadas actividades diversas en torno ao conto "El monstruo de colores". Pasámolo en grande! 

jueves, 7 de abril de 2016

FELICIDADES VALERIA!

Hoxe, 7 de abril, está de aniversario a nosa compañeira Valeria: 4 anos! Felicidades Valeria!
E para celebralo con nós, trouxo á escola un rico biscoito e uns zumes. Todo isto unido a globos, música e... moitas ganas de pasalo ben... deron lugar a unha gran festa! Grazas por todo Valeria!







CARTA DO RATO PACO

O Rato Paco, escribiunos de novo! Qué ilusión! Xa o estábamos agardando porque xa había tempo que non escribía!
Cóntanos que xa volveu da súa viaxe na que coñeceu aos indios de América e que... alí aprendeu moitas cousas, sobre todo a valorar o que temos. Tamén nos conta que os indios empregan moitísimo os sentidos na vida diaria. O Rato Paco pensa que lle sacan máis proveito ca nós a estes "tesouros" cos que tivemos a sorte de nacer. Así que... proponnos aprender máis cousas sobre eles e... a iso nos imos adicar neste último trimestre!




OBRA MUSICAL DE ODAIKO

O pasado 31 de marzo dirixímonos a Cee para ver na Casa da Cultura unha obra musical de Odaiko, que nos encantou! A verdade é que Chachi, Chicho, Chuchi... ou eran Chacho, Chupi... Bueno... que os músicos o fixeron xenial! 
Comprobamos que podemos facer música con case calquera cousa: co corpo, con recipientes de plástico, con tubos...
E bailamos ao ritmo da música... (nas fotos podedes comprobalo, por iso están algo movidas...)
Por último, despois da merenda, tivemos uns minutos para xogar no parque, qué divertido!


viernes, 25 de marzo de 2016

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

O pasado 8 de marzo conmemoramos o día da muller traballadora dun xeito moi orixinal: visitando a Cristina Fernández, a fareira do faro de Camariñas, que traballa a cotío para que os barcos naveguen seguros pola costa... e que nos recibiu cos brazos abertos. Ensinounos o faro, explicounos como funciona e contounos algunhas anécdotas do seu traballo. Moitas grazas Cristina!

jueves, 18 de febrero de 2016

SOMOS INDIOS!

Por fin chegou o día de amosar o resultado do traballo de tantos días... Comezamos cantando algunhas cancións no auditorio e de seguido aproveitamos que nos acompañou o bo tempo para saír a lucir os nosos disfraces por Cabana. Por último, merendamos os ricos doces que nos prepararon as familias con tanto agarimo: filloas, orellas, rosquiñas...

viernes, 12 de febrero de 2016

FELICIDADES ANDER!

E... veña festa! Coincidindo co día no que o Meco manda ir disfrazados á escola, o 4 de febreiro celebramos o aniversario de Ander que... xa ten 6 anos! Qué maior! Felicidades Ander! E como non podía ser doutro xeito, para celebralo cos compañeiros/as convidounos a unha rica merenda, con biscoito e zumes. Moitas grazas!







O MECO MANDA...

Durante a semana previa ao Entroido seguimos os mandadiños do Meco... e mirade qué guapas e guapos fomos á escola! Qué divertido! Algo na cabeza, algo no tronco, algo nos brazos e nas pernas e... o mellor de todo, disfrazados!





PREPARÁNDONOS PARA O ENTROIDO

Aínda acabamos de chegar de volta de vacacións de Nadal e xa nos temos que poñer mans á obra para lucir os nosos fermosos disfraces pola vila...





jueves, 28 de enero de 2016

DÍA DA PAZ

DESDE A ESCOLA DE NEAÑO DESEXAMOS A PAZ NO MUNDO!
E para celebrar o Día da Paz, ademais de pasar unha xornada de convivencia cos compañeiros/as do CRA e do CPI "As Revoltas", tamén elaboramos este vídeo, que esperamos vos guste moito. Nel cantamos a canción "Eu teño alguén" e tamén aprendemos a "cantala en linguaxe de signos", aproveitando que Érica se ofreciu a ensinarnos...


domingo, 24 de enero de 2016

SAÍDA Ó MUNCYT E Á DOMUS

O pasado 12 de xaneiro collemos o autobús para dirixirnos á Coruña, onde visitamos dous museos: o Muncyt e a Domus. No primeiro o que máis nos gustou foi, lanzar desde o máis alto os helicópteros elaborados por nós mesmos e, por suposto, montar en avión! Ao remate da visita merendamos unhas galletas e dirixímonos á Domus. Alí había moitísimas cousas! O que máis nos chamou a atención foron os "xogos" relacionados cos sentidos, o corazón xigante, a portería para medir a nosa potencia ao lanzar o balón... e a película en 3D. Ademais comemos nun comedor cunhas vistas... preciosas!



jueves, 14 de enero de 2016

CHEGARON OS MAGOS DE ORIENTE!

Pois... moi boíños/as debemos de ser na escola de Neaño que... mirade cantos regalos nos trouxeron os Reis Magos! Vaia sorpresa nos levamos ao chegar á escola, despois das vacacións de Nadal!